Saturday 20 de April de 2024

O alcalde promove en Fitur a oferta turística da Coruña coa exposición do Picasso “máis insólito” como a gran cita cultural de 2015


Carlos Negreira destaca o papel do turismo como “motor estratéxico” da economía local e a colaboración entre o Concello e o sector

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presentou esta mañá na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebra ata o 30 de xaneiro en Madrid, a oferta turística da Coruña coa exposición El primeiro Picasso. A Coruña2015 e o Fórum Gastronómico como dous eventos que este ano converterán a cidade nun dos principais destinos culturais e gastronómicos de España.
O alcalde destacou a importancia da conmemoración do 120 aniversario da primeira exposición de Picasso porque contribuirá a situar A Coruña no lugar que merece na traxectoria artística e vital de Picasso. “Temos a Málaga e a Barcelona moi ben posicionadas, pero falta completar o triángulo coa Coruña”, dixo, ao tempo que reivindicou o período coruñés do artista, “unha etapa ata agora ignorada por ser a máis descoñecida”.
Na súa intervención, o alcalde estivo acompañado polo tenente de alcalde e presidenta do Consorcio de Turismo, Luisa Cid, e polo xerente do Consorcio de Turismo, José Paz, e fixo fincapé en que a exposición, que se inaugurará o 19 de febreiro, é unha das 30 máis importantes que se celebrarán no mundo sobre o xenio malagueño entre 2015 e 2016. Permitiranos descubrir un Picasso insólito e fundamental, porque para entender de todo a Picasso hai que comprender a súa etapa coruñesa, dixo.
Negreira, que percorreu o posto de Galicia coas principais autoridades galegas encabezadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o empeño do Concello en converter ACoruña nun destino apetecible os 365 días do ano, potenciando e difundindo a súa oferta lúdica e cultural, pero tamén a gastronómica.

Fórum Gastronómico e San Juan
O alcalde reafirmou a aposta do Concello por situar á cidade entre os destinos gastronómicos imprescindibles, a través dunha estratexia moi pensada e definida con accións promocionais, o apoio ao sector e a celebración de eventos de prestixio internacional como o Fórum Gastronómico, que en 2015, e tras o éxito da súa primeira edición en 2014 volve para quedar.
Así, recordou que o Fórum Gastronómico, que reuniu o pasado ano algúns dos mellores cociñeiros do mundo, celebrarase entre o 15 e o 17 de marzo en EXPOCoruña baixo o lema “Repetirás”, todo un acontecemento culinario que virá acompañado do Fórum Cidade, que o alcalde definiu como a “semana grande da gastronomía”.
A cidade tamén presentou en Fitur a súa oferta máis festiva coas Cacharelas de San Juan como un dos seus principais atractivos. Neste sentido, Negreira recordou que se trata dunha das festas máis belas, espectaculares e queridas polos coruñeses -ademais da máis multitudinaria- e agradeceu a contribución da Comisión de Cacharelas na súa promoción e a presenza en Fitur da recén elixida Meiga Mayor 2015, Tania Pintor.
Por último, o alcalde incidiu no papel do turismo como motor estratéxico da economía local e apelou á unidade do sector e á colaboración institucional para facer da Coruña “o destino de referencia” do noroeste español. Neste aspecto, incidiu na necesidade de incorporar novas ferramentas como a tarxeta Coruña Card, “que nace cunha clara vocación de crecer en servizos, vantaxes e facilidades”, para estar á vangarda e seguir sendo competitivos.